A Plataforma de Ferrolterra a prol da mellora da infraestrutura e dos servizos ferroviarios valora moi positivamente o acto que tivo lugar esta mañá polas rúas de Ferrol. Este acto reivindicativo tiña como obxectivo chamar a atención sobre a situación crítica do traxecto ferroviario entre Ferrol e A Coruña e defender o mantemento deste servizo ferroviario.
Tras a concentración na estación de ferrocarril de Ferrol co obxecto de recibir aos participantes na viaxe reivindicativa, que convocados polo BNG de A Coruña, partiron desde a cidade de A Coruña, recollendo viaxeiros/as nas estacións intermedias,iniciouse unha rondalla polas rúas de Ferrol co obxecto de denunciar o estado de abandono desta vía férrea nos Planos do Ministerio de Fomento e da Xunta de Galiza.
O Manifesto reivindicativo lido na Praza de Armas de Ferrol alertaba do risco existente da desaparición deste liña ferrea e centraba as súas demandas na necesidade de:
A publicación do estudo informativo para a modernización do trazado ferroviario entre Ferrol e A Coruña.
A construción dun By-pass en Betanzos-Infesta para acurtar os tempos de viaxe entre Ferrol e A Coruña por debaixo dunha hora.
Pedir o aumento do número de Servizos a Coruña posibilitando conexións con destino ao resto do Eixo Atlántico, a Lugo e Ourense, e a dotación de material rodante igual que o do resto do Eixo Atlántico.
RUADA POLAS RÚAS DE FERROL
18 de dez. de 2010
Postado por Plataforma de Ferrolterra às 19:40
Manifesto
20 de nov. de 2009
Plataforma de Ferrolterra a prol da mellora da infraestrutura e dos servizos ferroviarios.
Ferrol corre o perigo de acabar sendo a única cidade galega que quede fóra da modernización da infraestrutura de conexión ferroviaria co resto de Galiza e da península, sen opción, como o conxunto da comarca, a uns servizos en frecuencias e tempos de viaxe que compitan coa auto-estrada.
O Goberno español pretende non facer nada no Corredor Ferrol-A Coruña, cando menos antes do ano 2013, e só o BNG obrigouno a contemplar partidas nos Orzamentos que se resiste a executar.
A Plataforma defende a modernización desta conexión cos criterios de compatibilidade para viaxeiros e mercadorías e homologada coa do resto do Eixo Atlántico (dupla vía e electrificación), pero útil para servizos de proximidade, media e longa distancia. Este deseño, no subtramo Ferrol-Betanzos, foi aceitado polo Goberno pero se resiste á súa execución, con clara postergación e marxinación da comarca.
A responsabilidade das autoridades locais é grande se continúan a facer a vista gorda perante esta discriminación. A Sociedade debe ser consciente do que nos xogamos: contar ou non con servizos ferroviarios á altura dos tempos e das necesidades.
Esta Plataforma esixe do Ministerio de Fomento:
a) a licitación e execución da obra de entrada en Ferrol, nova plataforma e duplicación de vía, entre a Ponte das Cabras e a estación, para o que figuraban 6 millóns de euros nos orzamentos do estado para 2008, contemplando as medidas oportunas, e tecnicamente viábeis, para mellorar a comunicación urbana dos barrios hoxe separados (cubrición de vías, novas pontes...)
b) Pasar o estudo informativo do subtramo Ferrol-Betanzos a información pública antes de que remate o ano en curso.
c) Licitar algúns proxectos e obras deste subtramo conxuntamente en 2010 por se tratar dunha adaptación do trazado actual, para o que se contempla unha partida de 15 millóns de euros nos Orzamentos do Estado para 2009.
d) Rematar este subtramo no ano 2012, planificando debidamente proxectos e obras co ritmo adecuado para cumprir este obxectivo, destinando a este fin as necesarias partidas orzamentarias.
e) Esixir a construción xa dun “by pass” para salvar a estación de Betanzos-Infesta nas comunicacións co resto do Eixo Atlántico, sobre todo en previsión de que o novo subtramo Betanzos-A Coruña se adíe excesivamente, como forma de reducir o tempo de viaxe desde Betanzos-Cidade á Coruña.
A Plataforma considera que só o logro destes obxectivos fará críbel e viábel a demanda de conexión por ferrocarril do porto exterior, así como a revitalización da conexión existente co porto interior, que reivindicamos.
En canto aos servizos, os nosos obxectivos a curto prazo son:
a) aumentar o número de servizos entre Ferrol e A Coruña, tanto semidirectos como con paradas en todas as estacións intermedias, acurtando os tempos de viaxe a 1 hora e 1.10, respectivamente.
b) Posibilitar conexións con destino a Lugo e Ourense en Betanzos-Infesta e para Santiago e o resto das cidades do Eixo Atlántico e Ourense en A Coruña.
c) Mellora do material rodante.
No 2012, os tempos de viaxe á Coruña deben situarse entre 35 e 45 minutos, segundo sexan directos ou semidirectos. Os que teñan paradas en todas as estacións, entre 55 minutos e 1 hora. A duración da viaxe a Santiago non será superior á hora e dez minutos e a Vigo 1 hora cincuenta. Asemade neste horizonte temporal, as conexións con Madrid ou Porto serán diurnas e con tempos de viaxe propios de alta velocidade.
En relación a FEVE, a Plataforma esixe:
a) A urxente duplicación de vía entre Ferrol e Xuvia, continuamente postergada.
b) Máis frecuencias no tramo de proximidade até Ortigueira.
c) Acceso ao porto interior.
d) Acceso ao polígono de Río do Pozo.
e) Acordar con RENFE horarios adecuados para as conexións con servizos a Coruña.
f) Departamento de xestión autónomo para Galiza.
A plataforma insta á Xunta de Galiza a conformar un ente ferroviario propio que, tomando como base o control real dos actuais servizos por ela subvencionados, constitúa unha compañía ferroviaria galega, a través da negociación das transferencias oportunas, con afán de lograr unha rede de transporte verdadeiramente intermodal, de servizo público, adaptado ás necesidades da nosa comarca e doutras do país e respeitoso coa nosa lingua e cultura.
Paremos a discriminación!
Ferrolterra, novembro de 2009.
Postado por Plataforma de Ferrolterra às 15:14